Queredes saber algo sobre nós?

Encontrar o equilibrio é moito máis doado se nos rodeamos dxs profesionais axeitadxs!

Ao longo destes anos fomos experimentando e pulindo as técnicas e metodoloxías cas que actualmente traballamos para conseguir un repertorio lúdico, educativo e sociocultural do máis variado.

equipo Lana Animación

Lana

  • Animadora sociocultural.
  • Educadora infantil.
  • Súper profe de teatro.

Son Lana, mociña do máis alegre, furabolos, entusiasta, honesta, espontánea e á que lle encaaanta aplicar a toda situación unha dose de chistes e bo humor. Son fan incondicional da animación sociocultural como modo de vida e non entendo a aprendizaxe sen estar rodeada de persoas riquiñas. Queredes verme anoxada? Vádelo ter imposible! En min sempre atoparedes unha man amiga disposta a apoiaros en todo, pois sexan temas laborais ou persoais, encántame axudar en todo o que me é posible. :)

equipo Lana Animación

Rake

  • Pedagoga.
  • Educadora ambiental.
  • Monitora de tempo libre.

Ola! Son Rake, encantada! Son unha rapaza con moita paixón, sentimento, cariño e sentidiño. Sempre leda de aprender dos demáis e cos demáis. E con ganas de dar o mellor de min para os demáis. Apaixonada da natureza, un pilar fundamental nas miñas dinámicas de lecer, disfrutando do grupo e do ambiente natural. Aprendendo a través do xogo a sensibilización e o respecto polo medio natural, os demáis e nós mesmos. Podes contar conmigo dende un obradoiro de xoguetes con paus e sementes ata un cumple temático sobre natureza. A que soa ben chulo? Desexando xogar e disfrutar con vós entre árbores!

equipo Lana Animación

Jorge

  • Maestro de educación infantil.
  • Súper animador deportivo.
  • Monitor de tempo libre.

Ola! Pois eu son Jorge e son un mozo do máis amistoso, polivalente, asertivo, atento e como non, divertido! E, aínda que sigo formándome e actualizando constantemente o meu repertorio de recursos, como monitor teño moooita experiencia en distintos tipos de animacións. Para min o primordial é que nolo pasemos ben xuntos, pero claro, sen deixar a precaución e prestando especial atención a previr riscos e fomentar o respecto entre todxs.

Encántame ludificar todo e achegar experiencias novas que nos permitan crecer saíndonos da cotidianidade. Así que… Rápido! A que esperades para coñecerme?

equipo Lana Animación

Beca Bolboreta

  • Monitora de tempo libre.
  • Profe de arte e manualidades.
  • Especialista en scrapbooking.

Ola! Eu son Rebeca, unha personiña moi práctica, creativa, sensible, paciente, cariñosa e á que lle gusta escoitar e procurar o lado positivo das persoas. Encántame educar nun ambiente de solidariedade, respecto e orde. A través das miñas actividades de artes plásticas poderemos plasmar as nosas inquedanzas, medos, soños e ilusións á vez que nos expresamos e convertimos en persoas un chisco máis resolutivas. Apetécevos un obradoiro de scrapbooking? Eu me encargo de todo! :D

Os nosos obxectivos

  • Fomentar a educación en valores cooperativos

    Deseñamos proxectos de lecer e educación non formal que atenden a unha tríada de valores que consideramos substancial para unha sociedade máis solidaria: respecto -por un mesmo, polos demais e pola propia natureza-, inclusión e empatía.

  • Promover a participación activa na comunidades

    Esforzámonos por salvagardar, protexer e revalorizar cada pequeno recuncho do noso patrimonio natural e cultural, entendendo a cada persoa coma un axente dinámico e activo que inflúe, participa e xera cambios na súa comunidade. Para nós o único xeito de ser, é entendéndonos como parte indisoluble da natureza e cultura.

  • Empoderar e sensibilizar

    A diversidade humana nos rodea a cada pasiño que damos.

    Visibilizar, sensibilizar e dar voz ás persoas que por x ou i se saen da norma prestablecida, é unha maneira estupenda de romper barreiras e abrir a nosa mente cara o progreso e o entendemento mutuo.

    Hai tantas formas de sentir, pensar, entender e experimentar a vida como persoas. E todas son válidas e merecen ser escoitadas. Por que non enriquecérmonos coñecéndoas?

  • Acoller a economía solidaria

    Establecemos redes de colaboración cidadá con entidades e persoas afíns aos nosos principios de comercio xusto, local e sustentable. Queredes traballar xuntos? :)

  • Aprender, crecer e desfrutar do camiño

    Antes que empresa, somos persoas normais e correntes. Este proxecto non é estático e inamovible, senón que se transforma con cada pequeno acto e persoa que, con cariño, se anima a coñecernos. Queremos saborear este proceso de creación paseniñamente, con moita calma e moooito amor.